Volta e Dálle Teatro nace no ano 2000 da man do actor Pepe Penabade e ten como principal obxectivo fundacional o de crear e distribuír espectáculos que teñan como
referente primordial a cultura galega, entendendo dentro dela todas as manifestacións expresivas, artísticas, económicas e políticas producidas ao longo da nosa historia.
Así, a primeira acción da compañía céntrase na investigación arredor da figura dos afiadores. Para iso realízanse recollidas documentais e orais, traballo de campo
etnográfico, documentación antropolóxica, etc. Ao remate deste primeiro traballo móntase o espectáculo Furga garabela!, a estrea levouse a cabo o 30 de marzo de 2001 no Teatro Principal de
Ourense.
En 2002, o éxito de Furga garabela! deulle saída á versión de rúa do espectáculo, dando lugar a Rodesindo da Barrosa. Con el realizaron por Galiza e o Estado español
centos de funcións en diferentes espazos: feiras medievais, mostras de artesanía, escolas, asociacións culturais, museos...
En 2003, poucos meses despois da catástrofe do buque Prestige, Volta e Dálle decidiu producir un espectáculo que chamase á atención sobre a problemática
medioambiental e as súas consecuencias na economía e na vida mariñeira. O resultado foi Salitre, estreada en Pontevedra o 31 de outubro de 2003..
En 2004 estréase Peccata minuta, destinada ao teatro de rúa e creada, especificamente, para ser representada en feiras medievais.
Tamén en 2004, Volta e Dálle produce, xunto a Producións Dedentro, Jalisia, mi madriña!, estreado en Viveiro o 8 de xullo de 2004. Nesta montaxe amósase a viaxe dun
moteiro rural e dunha rapaza urbanita e ecoloxista.
En 2007 chega Pan, catro propostas arredor da malla, un espectáculo en catro actos, escritos e dirixidos por catro autores, no que se combinan catro linguaxes
escénicas: teatro, danza, música e cabaret.
O 18 de novembro 2011, a compañía estrea Menciñeiros no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo.