Jalisia ¡mi madriña!
Rood movie peregrina e sentimental,conta
en clave de comedia a historia dun rapaz do interior e dunha rapaza da
capital que fuxen dos seus lugares de orixe por motivos ben diversos.

O cruzamento destes dous personaxes da pé ademais para facer un
percorrido polos estereotipos políticos e sociais dun
país que tanto pode ser o noso como calquera outro que se lle
pareza.
Na comedia conviven con naturalidade paisanos do interior e xentes da
capital, adiviñas, funcionarios, emigrantes retornados e
tipiños que nunca marcharon a ningures, soñadores que
devecen porque lles constrúan o polígono á beira
do seu negocio e homes prácticos que se valen da
proximidade do tren aínda que este non pare nas súas
leiras, seres que non cambian e peregrinos en constante movemento,
cronistas que contan o que saben e testemuñas que calan o que
lles parece, políticos de pouca envergadura e very important
people.

Crónica paralela duns tempos nos que os paxaros non tiñan gripe aviar pero andaban tinxidos de piche, o ambiente cheiraba á galipote,
o son era un berro conxunto que non afogaba ata chegar á praza
do Obradoiro e a imaxe coa que se abría case sempre o telexornal
falaba de bombas caendo sobre Bagdag como lumes de artificio, jalisia
¡mi madriña!é
unha exposición de caricaturas universais que se valen do
próximo e do inmediato para compoñer un particular
álbum de fotos no que non están todos os que son pero son
todos os que están.