Comba Campoy
Xornalista de formación,

Comba Campoy chega
ao mundo da interpretación en 2000, coa súa
participación na serie de televisión “Rías Baixas”.
A súa experiencia teatral iníciase en 2003, cando
protagoniza, xunto a Pepe Penabade, o
espectáculo Salitre. Un ano máis tarde estrea, coa
mesma compañía e xunto ao mesmo actor, Jalisia, mimadriña!. A
partir de 2004 participa, tamén xunto a Penabade, nun
espectáculo de teatro de rúa, Pecata Minuta.
Paralelamente á súa actividade teatral, a actriz intervén en varias
producións cinematográficas, como Días de voda (2001), de Juan
Pinzás, ou Por min e por tódolos meus compañeiros (2005), de
Judas Diz.
María Lado
Formouse como actriz no

grupo de teatro
universitario Eis Teatro durante cinco anos (1999-
2004), onde chegou a dirixir tres dos espectáculos do
grupo. Tamén destaca a súa participación na Aula
de Teatro da Universidade de Santiago de
Compostela baixo a dirección de Roberto Salgueiro, intervindo nos
espectáculos Ubú Encadeado de Alfred Jarry, e O velorio de Pat
O’Connor de Roberto Salgueiro. Como actriz profesional,
participou nos espectáculos Os Carros do Camiño, de Ollomol
Tranvía e GPD (1999); O retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde,
dirixida por Vicente Montoto en 2001; Cousas de Castelao,
adaptada e dirixida por Jorge Rey (2003) e Os piratas,
espectáculo de rúa dirixido tamén por Jorge Rey, 2004.
Mini e Mero
Xosé Luís Rivas Cruz e

Baldomero Iglesias Dobarrio,
máis coñecidos como Mini e
Mero, son os encargados de
pór banda sonora a PAN.
Mini e Mero, históricos
representantes da canción
galega, teimudos recuperadores do noso patrimonio inmaterial,
serán os encargados de pórlle a banda sonora ao espectáculo en
directo.
Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio foron
membros ata o ano 82 do grupo musical Fuxan os Ventos,
actualmente de A Quenlla. Participaron na gravación de máis de
14 discos de longa duración, son autores de máis dun cento de
cancións e dos libros Contos de Vellos para Nenos, Somos Lenda
Viva, Cantares de Cego (volumes I e II), como principio do traballo
de divulgación do arquivo de folclore galego que entrambos
recompilaron ao longo destes 33 anos. Nos últimos vinte anos dan
numerosas charlas cantadas divulgativas sobre a Música
Tradicional Galega, a súa aplicación á escola, a música do
Nadal...
Actualmente están en proceso de dixitalización do seu arquivo
de folclore en colaboración co Museo do Pobo Galego para
cedelo a esta institución e que así pase a consulta e goce do
público en xeral na teima de devolver a recolla ao país que é a
quen pertence.
Pepe Penabade
O seu contacto co mundo teatral

iníciase en
1987, coa súa participación en distintos
espectáculos como actor e escenógrafo,
nomeadamente coa compañía “Os
Quinquilláns”, coa que participa en numerosos
espectáculos.
No ano 2000 funda a compañía “Volta e Dálle”, cuxo primeiro
espectáculo, Furga Garabela! (2002), un monólogo interpretado
por el. Deste espectáculo xorde unha versión para rúa que co
nome de Rodesindo da Barrosa continúa a percorrer numerosas
feiras medievais e outros eventos similares por toda a xeografía
galega e parte da estranxeira. Despois virán Salitre (2003) e Jalisia,
mimadriña! (2004), onde comparte cartel con Comba Campoy.
Ese mesmo ano estrea Pecata Minuta, espectáculo de rúa para
feiras medievais. Ten participado ademais en espectáculos
doutras compañías, como Pallasos (2004) de Uvegá Teatro.
Afonso Romeo
Nado en 1983, este xoven actor

iniciouse na
interpretación a través dos grupos de teatro
amador “Ullán” (desde 1999) e “Andaravía”
(desde 2002), de Vedra, participando como
actor e técnico en numerosas obras. Ao
mesmo tempo, inicia a súa formación con
mestres como Pepe Penabade, Delfina
Miguélez, Artur Trillo ou Xoan Curiel.
Ten actuado como contacontos en distintos locais da xeografía
galega, así coma no espectáculo Menjam, da compañía
catalana “Trasgosnanoite”. En 2002 empeza a traballar con
distintas compañías de teatro profesional, como “Volta e Dalle”,
“Os Quinquilláns” e “Nut teatro”, como técnico de escena,
manipulador e actor.
Luís Iglesia
Actor de teatro,cine e tv.

Traballou en varias compañías de teatro, entre elas Teatro do Aquí, nos espectáculos A Ópera do Patacón, Rastros e Camiño Longo, baixo a dirección de Roberto Vidal Bolaño. No Centro Dramático Galego no espectáculo Xelmirez ou a gloria de Compostela. Na compañía de teatro do Atlántico, no espectáculo Non se chora, baixo a dirección de Xulio Lago.
En cine ten participado entre outras nas seguintes películas Heroína, A Promesa ou O Agasallo de Silvia. En teleseries traballou en Un mundo de Historias, As Leis de Celavella, Libro de Familia, e Terra de Miranda, na que era protagonista.
Actor e director de dobraxe desde 1986 é a voz habitual entre moitas outras de Paul Newman, Harrison Ford, Robert de Niro ou a rá Gustavo.